La Artística

Ante a inminente aprobación do novo PXOM, dende as asociacións A. C. As da Industria, A. V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das árbores Vigo, Vigo Baleiro e Newt Crafts queremos facer un chamamento á cidade pola conservación e posta en valor do patrimonio industrial dos noso barrios. Neste caso dunha empresa viguesa referente mundial no seu sector, “La Artística”.

Debido á alta demanda da puxante industria conserveira viguesa a comezos do século XX José Suárez Pumariega, natural da Coruña, funda en 1903 no Areal de Coia “La Artística” como fábrica de envases metálicos litografados.

Debido aos problemas de abasto de materias primas e maquinaria derivados da 1ª Guerra Mundial, en 1916 crean unha nova división, un taller de fabricación de máquinas para a propia fábrica. O aumento da demanda fainos crear en 1921 “Talleres Mecánicos Alonarti, S.A.” para “a fabricación e a reparación de maquinaria”.

O principal fito de La Artística chega nos anos 50 coa introdución do peche por goma líquida nas latas. En Talleres Alonarti preséntase en 1950 a primeira máquina engomadora da Artistíca-Alonarti, que engomaba 60 latas ao minuto. “La Artística” ten unha das patentes de goma máis importantes. A empresa viguesa é líder mundial no seu sector, exportando o 90% da súa produción e tendo na súa carteira de clientes marcas como Coca-Cola, L’Oréal, Nestlé ou Heineken.

O complexo de La Artística no Areal de Coia foi deseñado na súa maioría por Jacobo Esténs (Talleres Alonarti, edificio de servizos, Alonarti Envases, La Artística Manufacturas de hoja de lata —Tomás Bolívar—) e Alberto Baltar Tojo (oficinas e laboratorios). Tras a demolición do bloque de Alonarti Envases, consérvanse as oficinas, a fábrica de latas, o edificio de servizos e os talleres Alonarti. Destes só os dous últimos teñen protección no PXOM, permitindo, no caso dos Talleres Alonarti, desmontar a fachada e movela onde se considere na parcela.

Lembrando falsas postas en valor como a estación de tren ou La Metalúrgica, pedimos a conservación dos elementos da Artística no lugar no que foron construídos e propoñemos os seguintes usos e aproveitamentos dos espazos:

Proposta de distribución de espazos do complexo de “La Artística” no Areal de Coia.

  • La Artística Química: Demolición das naves, conservando algún elemento estrutural característico a modo de ornamento para dar lugar a unha nova praza pública interior que vertebre a comunicación entre os distintos inmobles e dinamice o espazo.
  • Construcción, Almacéns e Servizos: Que estes dous edificios se integren nun só volume e alberguen vivenda, conservando as fachadas e os elementos estruturais e ornamentais máis característicos, ou ben que alberguen a Biblioteca Pública do Estado. Consideramos esta unha ubicación ideal, ao carecer o barrio dunha biblioteca a máis de 2 km e a proximidade do campus da cidade da UVigo, a UNED e o IES Politécnico. Neste momento de emerxencia climática no que nos atopamos, debemos priorizar a restauración e o aproveitamento de inmobles sobre a obra de nova planta.
  • Talleres Alonarti: Conservación íntegra de Talleres Alonarti, na súa ubicacion orixinal, incluído o depósito, e que este espazo se dedique a asociacionismo, como se fixo con outros elementos de patrimonio industrial (a A.V.V. Val de Fragoso é a antiga subestación de Fenosa).
  • Oficinas e Laboratorios: Que estas instalacións, recoñecidas polo COAG como un dos elementos máis representativos da arquitectura de Vigo do século XX no seu libro “GUÍA DE ARQUITECTURA DE VIGO 1930-2000” se empreguen para usos dotacionais, sociais, asistencias, escola infantil ou club de xubiladas e xubilados.
  • Edificabilidade: Concentrar a edificabilidade nas ruínas de Alonarti Envases e nos soares en ruínas da rúa Coruña, espazos que melloran en habitabilidade coa nova praza pública.

La Artística é un dos maiores fitos da industria viguesa e, polo tanto, da historia da nosa cidade industrial, que debemos pór en valor e aproveitar para a cidadanía. Pola defensa do noso patrimonio.

Vigo 28, maio, 2024


Proposta de acondicionamento do edificio de Construcción e Almacéns de la Artística para Biblioteca Pública do Estado.

.

Oficinas e laboratorios de “La Artística” no libro “GUÍA DE ARQUITECTURA DE VIGO 1930-2000”

Fábrica de latas e almacéns de “La Artística” no Libro “La Artística, 100”

Fotos: @Tiempo_De_Urbex
@VigoBaleiro

Alfageme e o novo Vigo Arena

SegundoSegundo a información publicada e as declaracións do alcalde á prensa, o concello está a considerar a creación dun novo recinto de eventos en Navia: o Vigo Arena, un recinto multiusos para acoller eventos con grande asistencia de público.

Con ese fin levouse a cabo en 2005 a ampliación do IFEVI, que xa albergou desde a Copa do Mundo de Saltos de Hípica a concertos de Bob Dylan, Lenny Kravizt ou REM, e onde chegaron a soar artistas da talla de Moby, Green Day ou O Circo do Sol.

Tras a súa ampliación, o IFEVI converteuse no recinto deste tipo máis grande de Galicia, cunha capacidade para albergar entre 10.000 e 12.000 espectadores, e no concerto de Quevedo demostrouse que pode chegar ás 13.500, máis que o Coliseum da Coruña, onde actuaron recentemente artistas de primeiro nivel como Rosalía.

O que precisa Vigo é un recinto para celebrar concertos de cabida media, espazo do que carece dende o peche de Nova Olimpia ou a Palmera. Ante a incerteza da reforma do Cinema Fraga, dende as asociacións A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das Árbores Vigo, Asociación Cultural Vila De BouzasVigo Baleiro e Newt Crafts propoñemos que a factoría Alfageme de Bouzas se converta nun gran recinto multiusos no centro urbano da cidade.

As instalacións das Conservas Alfageme ocupan unha enorme parcela de máis de 13.000 m2, con 100 m de fondo entre a rúa Tomás A. Alonso e a avenida de Beiramar. Deseñada por Manuel Gómez Román en 1929, ademais de ser uns dos referentes da arquitectura industrial da nosa cidade é o único construído integramente polo mesmo arquitecto en estilos clasicista e rexionalista.

Posúe unha serie de características que o fan único para albergar este tipo de eventos, ao contar con varias zonas diáfanas, algunha delas con balcóns, nas que repartir eventos en función da capacidade:

  • Fábrica: Superficie Altura 3800 m2
  • Taller mecánico: Superficie 600 m2
  • Almacéns: 4560 m2

Reivindicamos a conservación íntegra da factoría Alfageme, un dos elementos máis destacados do patrimonio industrial de Galicia, polo seu potencial para ser convertido nun recinto, que no casco urbano poida acoller eventos de formato medio, e competir coa sala Capitol de Santiago, a Pelícano de Coruña ou o Hard Club de OPorto en eventos de cabida mediana. Ademais, é tamén un recinto idóneo para albergar eventos deportivos, expositivos, cinema, locais para asociacións, club de xubilados, biblioteca… ou abrir nos días de chuvia como alternativa de ocio aos centros comerciais.

En canto ao espazo urbanizable, ao contrario que a información que vén filtrando o Concello e o concurso convocado por Abanca en 2022 (sorprendentemente máis conservador), avogamos pola conservación integra do complexo fabril, concentrado a edificabilidade en medianeira con Tomás A. Alonso 188 e no fondo da rúa Simancas, e que esta promoción urbanística estea supeditada ao pago das débedas cos traballadores.

Posposta de distribución de espazos no complexo Alfageme de Bouzas

Porque o patrimonio dunha cidade industrial é a súa industria.
Pola conservación íntegra da factoría Alfageme de Bouzas e o dereito a unha programación cultural de calidade nos noso barrios

Vigo 04 de xuño de 2024

Proposta de acondicionamento do complexo Alfageme de Bouzas como novo grande recinto multiusos cultural e dotacional do barrio. Ilustración Diana Cordero.

Fotos: @Tiempo_De_Urbex

O Ultraconxelado, unha industria 100% Viguesa

Ante a inminente aprobación do novo PXOM, queremos facer un chamamento á cidade pola conservación e posta en valor do patrimonio industrial dos nosos barrios. Concretamente dunha parte moi deostada e que consideramos de vital importancia: o sector do frío industrial.

O frío industrial implántase en España entre 1947 e 1951 coa creación do “Plan Frigorífico Español” impulsado polo goberno da ditadura. A Ría de Vigo, debido á súa grande actividade pesqueira, xa tomara a dianteira neste respecto coa creación de M.A.R. en 1939 e de Frigoríficos de Vigo en 1940. Este novo sector aséntase no polígono de Beiramar/Jacinto Benavente, desenvolvido tras a apertura da Avenida de Beiramar en 1952, e supuxo o maior fito da industria de Vigo na súa historia. Nel desenvólvese e implántase a revolución do mundo pesqueiro que supuxeron a aparición de Pescanova e a introdución do frío industrial na pesca.

A aplicación do frío industrial á pesca, desenvolvida en Vigo por Pescanova nos anos 60, con José Fernández López, Valentín Paz Andrade e Alejandro Barreras á fronte, foi un fito co que dende Vigo cambiamos e revolucionamos o mundo da pesca a nivel mundial para sempre.

Os grandes frigoríficos foron ocupando pouco a pouco as industrias bacallaeiras, e progresivamente máis naves frigoríficas e loxísticas foron poboando o polígono xunto ás grandes armadoras e aprovisionadoras de buques.

Desde o polígono, edificios como:

  • Vasco Gallega (Pescanova – Atunlo)
  • Fribesa
  • FriVigo
  • Frigodis
  • Molagón
  • Freiremar
  • Flex
  • Pescapuerta…

Fixeron da pesca a nivel mundial o que é hoxe. Ademais dun patrimonio industrial de valor incalculable, marcaron a transición en Vigo da conserva á pesca de altura.

Alén diso, este edificios supuxeron a vía de entrada das novas formas das vangardas e do movemento moderno na arquitectura industrial da cidade, presentando características propias como conxunto, como son as plantas baixas de bloque de pedra ou a construción en altura. Este último aspecto é o que fai que sexan aproveitables para calquera outro uso.

Dende as asociacións: A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das Árbores Vigo, Vigo Baleiro e Newt Crafts propoñemos:

  • O seu aproveitamento íntegro, conservando os seus elementos máis característicos (estrutura, fachadas, maquinaria) para uso residencial ou dotacional como se ten feito noutras cidades coma Nova York, o Porto (1 / 2 / 3 / 4) , Gaia (1 / 2 / 3 / 4 ), Essen, , Aveiro (1 / 2), Lisboa (1 / 2 / 3 / 4), Sevilla, Barcelona (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8), Madrid, Avilés, Bilbao… concentrando a edificabilidade nas reservas de terreo destas industrias ou zonas de manobra loxística e almacenamento.
  • Vivendas públicas para familias en risco de exclusión, precariedade ou aluguer social.
  • Aproveitamento para solo dotacional.
    • Biblioteca pública do estado
    • Centros culturais e de ocio
    • Skate Park cuberto
  • Recintos multiusos para eventos (Pescados Molagón ou Alfageme). Vigo carece dunha grande infraestrutura para eventos e estes dous inmobles serían ideais para a creación de algo similar ao Coliseum da Coruña no casco urbano da cidade.
  • Que os edificios do frío, xunto con Albo, La Artística, Sacco, Barreras, Alfageme, Orbe sexan aproveitados para a ampliación do campus-cidade da Universidade de Vigo (que agora mesmo conta coa histórica sede de Peritos e o edificio Redeiras —e xa prevé a creación dun laboratorio cuántico, centro de formación e polo TIC no antigo centro de informática de Caixanova, así como o traslado do Campus do Mar aos edificios da ETEA, empezando coa nova sede do Centro de Investigacións Mariñas prevista para o vindeiro ano—), especializando os edificios xa existentes no CUVI (daquelas facultades e escolas que se poidan pasar á cidade) no desenvolvemento e execución de proxectos de innovación, investigación e transferencia de I+D.
  • Que estes edificios sexan aproveitados para dotacións das que carecen os nosos barrios:
    • Locais para asociacións.
    • Centro de xubilados.
    • Local para a mocidade.
    • Instalacións deportivas cubertas (pavillóns, piscinas, skate parks…).
    • Locais de ensaio.
    • Espazos para as artes escénicas.

Calquera destas medidas contribuiría á dinamización e rexeneración dun polígono industrial de capital importancia non só na nosa cidade, senón a nivel global. Dende o propio sector inmobiliario, co beneplácito do Concello, véndennos, despois de deixalo estragar e degradar,  que non hai outra opción que botar todo abaixo para construír de novo, como se fixo en Cordelerías MAR, Casa M.A.R. ou La Metalúrgica, e moito antes con todos o inmobles do Areal (Conservas Portanet, Conservas Alonso, Cervezas Santander…). Porén, hai moitas maneiras de aproveitalos e non nos podemos permitir perdelos pola inacción interesada do sector inmobiliario.

Ademais, neste momento de emerxencia climática no que nos atopamos debemos apostar firmemente pola reutilización de todo tipo de inmobles e evitar a demolición que só xera toneladas de residuo e consume gran cantidade de recursos para construcións de nova planta.

Unha cidade industrial como a nosa tampouco se pode permitir máis perdas como AUCOSA, Casa Mar ou Cordelerías Mar. Ou dubidosas “postas en valor” que son mero fachadismo como La Metalúrgica ou a antiga estación de tren. 

Proposta de aproveitamento do polígono Beiramar/Jacinto Benavente

A autoridade portuaria de Vigo anunciou recentemente que Frigoríficos Berbés albergaría un centro de negocios e innovación da economía azul e da pesca. Propoñemos que se faga respectando o máximo posible a fachada e os elementos de patrimonio industrial (maquinaria) que aínda se conservan no edificio. Ademais, pensamos que unha oportunidade única para:

  • Que os tramos de Jacinto Benavente na zona de Auditorio Mar de Vigo e desde a casa do Mar e Frigoríficos de Vigo sexan peonís.
  • Que a Escola de Enxeñería Industrial de Vigo baixe á cidade aproveitando a continuidade entre as instalacións de Peritos e Albo, deixando as instalacións do CUVI para laboratorios e proxectos de investigación.
  • Que a antiga factoría de Flex, deseñada por Castro Represas, sexa dedicada a vivenda tal cal está, ou ben que se aproveiten as súas características construtivas para albergar, por exemplo, a sede da UNED en Vigo, nun edificio independente, ou tamén o Centro de Posgrao e Formación Permanente que a Universidade de Vigo xa pretendía baixar á cidade.
  • Que as instalacións da antiga factoría Pescapuerrta sexan aproveitadas para usos residenciais e comerciais, empregando os numerosos espazos non construídos que se destinaban a almacenamento e loxística para concentrar a edificabilidade do polígono.
  • Que o centro loxístico de Pescanova, Frigodis, se converta nunha residencia de estudantes para a universidade de Vigo, dotación da que carece a universidade na cidade e que co actual contexto de carestía do prezo do alugueiro é moi necesaria.
  • Que a nave de Molagon/Thenaisie Provoté albergue espazos dotacionais para o Barrio, como por exemplo:
    • Escola infantil de 0-3 anos
    • Baixada de Vigo Sónico á cidade
    • Castroconcertos
    • Skatepark…
  • Que as instalacións de Frigoríficos de Vigo sexan un instituto de secundaria ou ciclos formativos medios e superiores, que acollan o alumnado do CEIP Ramón y Cajal situado á beira destas. Ademais, esta posibilidade aliviaría o IES Politécnico, ao que lle permitiría ter máis especialidades e daría unha alternativa pública ao alumnado residente no centro de Vigo, xa que actualmente este servizo está totalmente en mans de congregacións relixiosas na zona centro

    Proposta de acondicionamento do edificio de Frigoríficos Berbés, aproveitando os restos que se conservan das instalacións para a construción do Centro de Negocios e Innovación da economía azul e da pesca.

    Proposta de acondicionamento do edificio de Pescapuerta para usos residenciais e comerciais conservando parte da fachada e elementos patrimoniais.

    Proposta de acondicionamento das instalacións de Frigodis para unha residencia de estudantes na cidade.

    A continuación anexamos fotografías e plantas de distribución dos interiores dalgún destes inmobles.
    Fotos: @Tiempo_De_Urbex

    O edificio de Vasco-Gallega, posteriormente Pescanova no libro “GUIA DE ARQUITECTURA DE VIGO 1930-2000” editado polo COAG (á esquerda) e actualmente como CLPV coa súa composición en fachada totalmente desvirtuada ao carecer de ningún tipo de protección (á dereita).

     A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das Árbores Vigo, Vigo Baleiro e Newt Crafts

    Vigo, 20 de maio 2024

    A prol da conservación do patrimonio industrial da contorna de Beiramar

    Ante a inminente aprobación do novo PXOM, dende as asociacións  A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das Árbores Vigo, Vigo Baleiro e Newt Crafts queremos facer un chamamento á cidade pola conservación e posta en valor do patrimonio industrial no noso barrio. Concretamente dunha parte moi deostada e que consideramos de vital importancia.

    Máis aló da tónica habitual na que parece que na nosa cidade só teñen consideración a nivel patrimonial as fachadas de edificios de pedra, queremos visibilizar a arquitectura do polígono de Beiramar/Jacinto Benavente.

    A principios do século XX moitas empresas da cidade múdanse ao Areal de Coia, ante a necesidade de ampliar as instalacións que tiñan no Areal. Tras anos de abondo e especulación, a inmensa maioría dese patrimonio industrial desapareceu (Conservas Alonso, Conservas Portanet, Cervexas Santander, Talleres Baliño…) para dar lugar a usos residencias. E o pouco que se conservou fíxose con escasa sensibilidade, como é o caso de La Metalúrgica.

    O polígono de Beiramar/Jacinto Benavente, desenvolvido tras a apertura da Avenida de Beiramar en 1952, supón o maior fito da industria de Vigo. Nel desenvolvéronse dúas industrias que revolucionaron a pesca a nivel global:

    • A revolución que supuxo Casa M.A.R. a nivel de organización da pesca
    • Pescanova e a introdución do frío industrial na pesca

    Esta última industria (a aplicación do frío industrial á pesca) desenvolvida en Vigo por Pescanova nos anos 60, con José Fernández López, Valentín Paz Andrade e Alejandro Barreras á fronte, foi un fito co que dende Vigo cambiamos e revolucionamos o mundo da pesca a nivel mundial para sempre.

    Desde o polígono, edificios como:

    • Vasco Gallega (Pescanova – Atunlo)
    • FribesaFriVigo
    • Frigodis
    • Molagón
    • Freiremar
    • Flex
    • Pescapuerta…

    Fixeron da pesca a nivel mundial o que é a día de hoxe. Ademais dun patrimonio industrial de valor incalculable, o Vigo pesqueiro non sería o que é hoxe sen eles.

    Ademais, estes edificios supuxeron a entrada das novas formas das vangardas e do movemento moderno na arquitectura industrial da cidade, presentando características propias como conxunto, como son as plantas baixas de bloque de pedra ou a construción en altura. Este último aspecto é o que fai que sexan aproveitables para calquera outro uso, xa sexa dotacional ou residencial ou para a creación dun campus universitario na cidade, adaptando os edificios existentes tal como están e contribuíndo así á conservación duns dos barrios industriais máis emblemáticos da cidade.

    Non podemos permitir máis perdas como AUCOSA, Casa M.A.R. ou Cordelerías M.A.R. Ou dubidosas “postas en valor” que son mero fachadismo como La Metalúrgica ou a antiga estación de F.F.C.C.

    Ademais, este polígono concentra grandes masas de reserva de terreo das industrias ou parcelas, dedicadas a favorecer a mobilidade loxística, nas que se pode concentrar a edificabilidade do polígono.

    Á situación de abandono do polígono Beiramar/Jacinto Benavente súmanse dous PERIs sen desenvolver (Seara e Esturáns) nas inmediacións, o que fai do no noso barrio un dos máis afectados pola especulación urbanística da cidade, e no que Vigo Baleiro leva inventariado máis de 110 inmobles e parcelas baleiras. Convivimos, xa que logo, con tres grandes parcelas degradadas nas que as administracións contribúen ao proceso especulativo desatendendo as súas obrigas de mantemento da rede viaria e o mobiliario urbanos.

    É por isto que convocamos á veciñanza de Vigo a un roteiro reivindicativo polos elementos máis destacados do noso patrimonio o domingo 16 de xuño, do que desvelaremos máis detalles en breve.


    Pola preservación do noso patrimonio, polo dereito á vivenda digna e a uns servizos sociais de calidade.

    Vigo, 20 de maio 2024

    Foto: Arquivo Deputación de Pontevedra