A prol da conservación do patrimonio industrial da contorna de Beiramar

Ante a inminente aprobación do novo PXOM, dende as asociacións  A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das Árbores Vigo, Vigo Baleiro e Newt Crafts queremos facer un chamamento á cidade pola conservación e posta en valor do patrimonio industrial no noso barrio. Concretamente dunha parte moi deostada e que consideramos de vital importancia.

Máis aló da tónica habitual na que parece que na nosa cidade só teñen consideración a nivel patrimonial as fachadas de edificios de pedra, queremos visibilizar a arquitectura do polígono de Beiramar/Jacinto Benavente.

A principios do século XX moitas empresas da cidade múdanse ao Areal de Coia, ante a necesidade de ampliar as instalacións que tiñan no Areal. Tras anos de abondo e especulación, a inmensa maioría dese patrimonio industrial desapareceu (Conservas Alonso, Conservas Portanet, Cervexas Santander, Talleres Baliño…) para dar lugar a usos residencias. E o pouco que se conservou fíxose con escasa sensibilidade, como é o caso de La Metalúrgica.

O polígono de Beiramar/Jacinto Benavente, desenvolvido tras a apertura da Avenida de Beiramar en 1952, supón o maior fito da industria de Vigo. Nel desenvolvéronse dúas industrias que revolucionaron a pesca a nivel global:

  • A revolución que supuxo Casa M.A.R. a nivel de organización da pesca
  • Pescanova e a introdución do frío industrial na pesca

Esta última industria (a aplicación do frío industrial á pesca) desenvolvida en Vigo por Pescanova nos anos 60, con José Fernández López, Valentín Paz Andrade e Alejandro Barreras á fronte, foi un fito co que dende Vigo cambiamos e revolucionamos o mundo da pesca a nivel mundial para sempre.

Desde o polígono, edificios como:

  • Vasco Gallega (Pescanova – Atunlo)
  • FribesaFriVigo
  • Frigodis
  • Molagón
  • Freiremar
  • Flex
  • Pescapuerta…

Fixeron da pesca a nivel mundial o que é a día de hoxe. Ademais dun patrimonio industrial de valor incalculable, o Vigo pesqueiro non sería o que é hoxe sen eles.

Ademais, estes edificios supuxeron a entrada das novas formas das vangardas e do movemento moderno na arquitectura industrial da cidade, presentando características propias como conxunto, como son as plantas baixas de bloque de pedra ou a construción en altura. Este último aspecto é o que fai que sexan aproveitables para calquera outro uso, xa sexa dotacional ou residencial ou para a creación dun campus universitario na cidade, adaptando os edificios existentes tal como están e contribuíndo así á conservación duns dos barrios industriais máis emblemáticos da cidade.

Non podemos permitir máis perdas como AUCOSA, Casa M.A.R. ou Cordelerías M.A.R. Ou dubidosas “postas en valor” que son mero fachadismo como La Metalúrgica ou a antiga estación de F.F.C.C.

Ademais, este polígono concentra grandes masas de reserva de terreo das industrias ou parcelas, dedicadas a favorecer a mobilidade loxística, nas que se pode concentrar a edificabilidade do polígono.

Á situación de abandono do polígono Beiramar/Jacinto Benavente súmanse dous PERIs sen desenvolver (Seara e Esturáns) nas inmediacións, o que fai do no noso barrio un dos máis afectados pola especulación urbanística da cidade, e no que Vigo Baleiro leva inventariado máis de 110 inmobles e parcelas baleiras. Convivimos, xa que logo, con tres grandes parcelas degradadas nas que as administracións contribúen ao proceso especulativo desatendendo as súas obrigas de mantemento da rede viaria e o mobiliario urbanos.

É por isto que convocamos á veciñanza de Vigo a un roteiro reivindicativo polos elementos máis destacados do noso patrimonio o domingo 16 de xuño, do que desvelaremos máis detalles en breve.


Pola preservación do noso patrimonio, polo dereito á vivenda digna e a uns servizos sociais de calidade.

Vigo, 20 de maio 2024

Foto: Arquivo Deputación de Pontevedra

Deja un comentario