Alfageme e o novo Vigo Arena

SegundoSegundo a información publicada e as declaracións do alcalde á prensa, o concello está a considerar a creación dun novo recinto de eventos en Navia: o Vigo Arena, un recinto multiusos para acoller eventos con grande asistencia de público.

Con ese fin levouse a cabo en 2005 a ampliación do IFEVI, que xa albergou desde a Copa do Mundo de Saltos de Hípica a concertos de Bob Dylan, Lenny Kravizt ou REM, e onde chegaron a soar artistas da talla de Moby, Green Day ou O Circo do Sol.

Tras a súa ampliación, o IFEVI converteuse no recinto deste tipo máis grande de Galicia, cunha capacidade para albergar entre 10.000 e 12.000 espectadores, e no concerto de Quevedo demostrouse que pode chegar ás 13.500, máis que o Coliseum da Coruña, onde actuaron recentemente artistas de primeiro nivel como Rosalía.

O que precisa Vigo é un recinto para celebrar concertos de cabida media, espazo do que carece dende o peche de Nova Olimpia ou a Palmera. Ante a incerteza da reforma do Cinema Fraga, dende as asociacións A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das Árbores Vigo, Asociación Cultural Vila De BouzasVigo Baleiro e Newt Crafts propoñemos que a factoría Alfageme de Bouzas se converta nun gran recinto multiusos no centro urbano da cidade.

As instalacións das Conservas Alfageme ocupan unha enorme parcela de máis de 13.000 m2, con 100 m de fondo entre a rúa Tomás A. Alonso e a avenida de Beiramar. Deseñada por Manuel Gómez Román en 1929, ademais de ser uns dos referentes da arquitectura industrial da nosa cidade é o único construído integramente polo mesmo arquitecto en estilos clasicista e rexionalista.

Posúe unha serie de características que o fan único para albergar este tipo de eventos, ao contar con varias zonas diáfanas, algunha delas con balcóns, nas que repartir eventos en función da capacidade:

  • Fábrica: Superficie Altura 3800 m2
  • Taller mecánico: Superficie 600 m2
  • Almacéns: 4560 m2

Reivindicamos a conservación íntegra da factoría Alfageme, un dos elementos máis destacados do patrimonio industrial de Galicia, polo seu potencial para ser convertido nun recinto, que no casco urbano poida acoller eventos de formato medio, e competir coa sala Capitol de Santiago, a Pelícano de Coruña ou o Hard Club de OPorto en eventos de cabida mediana. Ademais, é tamén un recinto idóneo para albergar eventos deportivos, expositivos, cinema, locais para asociacións, club de xubilados, biblioteca… ou abrir nos días de chuvia como alternativa de ocio aos centros comerciais.

En canto ao espazo urbanizable, ao contrario que a información que vén filtrando o Concello e o concurso convocado por Abanca en 2022 (sorprendentemente máis conservador), avogamos pola conservación integra do complexo fabril, concentrado a edificabilidade en medianeira con Tomás A. Alonso 188 e no fondo da rúa Simancas, e que esta promoción urbanística estea supeditada ao pago das débedas cos traballadores.

Posposta de distribución de espazos no complexo Alfageme de Bouzas

Porque o patrimonio dunha cidade industrial é a súa industria.
Pola conservación íntegra da factoría Alfageme de Bouzas e o dereito a unha programación cultural de calidade nos noso barrios

Vigo 04 de xuño de 2024

Proposta de acondicionamento do complexo Alfageme de Bouzas como novo grande recinto multiusos cultural e dotacional do barrio. Ilustración Diana Cordero.

Fotos: @Tiempo_De_Urbex

Deja un comentario